|
Falar
de Melide é falar de historia,
de tradición, de cultura e, fundamentalmente, do Camiño de Santiago.
Aquí cada época deixou algo do pasado.
Descoñécese a data da fundación da vila, que aparece documentada
por primeira vez no século X. A súa fundación está relacionado co Camiño
de Santiago. A súa orixe toponímica suscitou diversas hipóteses,
as cales podemos consultar en Toponimia do Concello de Melide,
libro editado polo Concello de Melide. O nome de Melide, sen
ningún tipo de dúbidas, procede do antropónimo latino Mellitus,
ben documentado na idade media. Inicialmente sería unha villa(m)/terra(m)/fundu(m)
Melliti ‘vila/terra de Mellitus’, co nome do terratenente ou posuídor
en xenitivo. O paso fonético de Melliti a Melide explícase pola simplificación da xeminada -ll-
e sonorización da dental xorda en posición intervocálica -t-. As
primeiras referencias históricas refírense a Abeancos, territorio que abranguía
máis ou menos o que hoxe é Terra de Melide (agás o Concello de
Sobrado). A primeira mención documental sobre Melide e a súa
comarca aparece nun documento da igrexa lucense, no chamado testamento
de Odoario, bispo de Lugo, do ano 747, aínda que para algúns estudiosos esta
data orixina numerosas dúbidas: ...
In Aviancos Villa Salamini ... O segundo documento (probablemente o primero) que nos recorda o nome
de Abeancos é un diploma de Afonso II o Casto, datado no ano 832, no que
se recolle a dotación que o rei fai á recén erixida catedral de Oviedo,
a diócese da cal vai incorporar terras e comarcas de territorios que
pertencían á de Lugo, entre os cales se encontra
Abeancos. O terceiro documento con referencia
a Abeancos é o de Afonso III. Co
establecemento da sede dumiense en San Martiño de Mondoñedo -posto que
a sede de Braga tamén fora arrasada- Afonso III concede a Mondoñedo,
entre outras, a xurisdición de Abeancos e os seus termos. O
9 de setembro de 1212 o rei
Afonso IX concedeu o territorio de
Abeancos ou Terra de Melide ao arcebispo de Santiago
Don Pedro Muñiz. Gracias a este
documento pódese reconstruír os antigos límites de Terra
de Melide ou do territorio de Abeancos: ao norte, Cruces
e confíns que a separan das terras de Sobrado y Dormeá; ao sur,
o río Ulla, desde Portum Bobidus ata a desembocadura do
río Iso; ao leste, as terras que o separan da de Narla,
e ao oeste, el río Iso. En 1320 Melide obtivo do arcebispo de
Santiago, don Berenguel de Landoira, o privilexio de levantar un castelo,
de fortificar a vila con murallas e de cobrar o portádego. Tamén conseguirá
por este tempo a concesión de foros. En 1467 os irmandiños reuníronse en Melide e decidieron poñerse en contra do arcebispo
Alonso de Fonseca e de Sancho Sánchez de Ulloa. Durante esta revolta,
a finais do século XV, derrubaron as murallas da vila e destruíron parte
do castelo, onde as pedras,
unha vez sufocada a revolta, se aproveitaron
para a construcción do Convento de Sancti Spiritus, pois
os Reis Católicos prohibiron volver
levantar a fortaleza. Tamén se xuntaron en 1520 os máis importantes
estamentos eclesiásticos e nobiliarios de Galicia para acordar unirse,
se era preciso, a Carlos I para axudalo na súa loita contra os
comuneros. Xa en épocas máis recentes, concretamente no século XIX,
Melide cobra de novo protagonismo pola súa oposición aos franceses durante
a Guerra da Independencia. Tamén nese século en Melide sucederon
episodios bélicos relacionados coas
Guerras Carlistas. Melide
e a súa comarca tamén posúen unha gran riqueza arqueolóxica, que permite
afirmar a existencia dunha poboación moi antiga nestas terras, nas que
abondan castros e mámoas. Son abundantísimos os restos
encontrados que datan dos primitivos tempos do Neolítico e da
época castrexa: mámoas, castros, machados de bronce, xoias
áureas, etc. Como di Florentino Cuevillas, poucas terras hai en
Galicia que igualen en densidadade castrexa a Terra de Melide.
De gran interés é a visita ao Castro da
Graña, onde as escavacións realizadas demostraron que estivo
habitado desde o século VII a. de C., ou ao dolmén denominado Forno dos Mouros,
ambos os dous no limítrofe Concello
de Toques. No Museo Terra de Melide, de visita inexcusable, podemos encontrar, entre outros obxectos de
interese, pezas achadas nos castros da comarca, machados do Neolítico,
cerámica castrexa, fíbulas da Graña (século II a. C.), tesouriño
romano de moedas, unha punta de lanza (1000 a.C.), etc. Por todo iso, pola importancia que estas terras tiveron ao longo da historia,
Terra de
Melide despertou
e desperta o interese de moitos historiadores. En 1933 o Seminario de Estudos Galegos publicou
un amplo estudio titulado Terra de Melide, no que participaron
grandes figuras da cultura galega de entón:
Otero Pedrayo, Vicente Risco, Florentino
L. Cuevillas, Antón Fraguas, Lois Tobío, Xosé
Ramón F. Oxea, etc. O traballo de investigación do noso pasado continúa
intensamente. Neste aspecto destacar o labor do Centro de Estudos
Melidenses, que publica un boletín no que se recollen traballos
sobre Terra de Melide. No ano 2000 saíron do prelo dous interesantes
estudios monográficos sobre Melide: Toponimia do Concello de Melide,
sobre a orixe e significado dos topónimos melidaos, e El Arte Románico en
Terra de Melide, de Mª del Pilar Carrillo Liste, editado pola Deputación
da Coruña. |