Melide
foi e é un lugar clave no Camiño de Santiago. Os camiños de Santiago,
en especial o chamado Camiño Francés, fixeron posible Europa
e o florecer das artes e da cultura no medievo. Factor esencial no desenvolvemento
e diversidade da arte en Melide e na súa comarca foi o continuo fluír
dos peregrinos que se dirixían cara a Santiago a través do Camiño
Francés e do Camiño de Oviedo que na vila confluían. O Camiño
entra na Provincia da Coruña por Melide, concretamente a través da fermosa
aldea do Leboreiro. Camiño feito, labrado por pés de devotos
peregrinos, pola ferradura de recuas que transportaban inquietos aventureiros,
negociantes de todo tipo. Un Camiño de onte, de hoxe e de sempre. Este
testemuño de pasado, de existir no tempo, deixa a súa constancia de
formas moi diversas en Melide. O devir histórico de Melide e a súa bisbarra
non se pode desligar dun feito transcendente: o ser atravesada a vila
e as súas aldeas e lugares polo Camiño de Santiago. Esta circunstancia
influíu no nacemento de novas poboacións e no desenvolvemento económico,
urbano e artístico da zona, onde se construíron igrexas e hospitais
para que os peregrinos coidasen tanto das súas almas como dos seus corpos.
Pero non era o Camiño Francés a única vía usada polos peregrinos,
posto que a Melide chegaba outra rota que procedía de Oviedo. Gran parte
da importancia histórica de Melide procede precisamente da súa condición
de cruce de camiños.
Un itinerario turístico seguindo o Camiño de Santiago na súa
traxectoria por Melide revélanos que este atesoura manifestacións artísticas
únicas en Galicia, como por exemplo a rexa de ferro da igrexa
de Santa María, labrada nunha descoñecida ferrería por volta do
ano 1200. O itinerario podería empezar pola aldea do Leboreiro,
con sabor medieval, cunha igrexa do século XIV e un antigo hospital.
A igrexa ten unha portada cun fermoso tímpano coa Virxe e o Neno, pinturas
murais e arco triunfal apuntado. A aldea tamén conserva tramos da primitiva
calzada medieval ata o río Seco, que se salva por unha antiga
ponte de un só arco, que para algúns estudiosos é de época romana. Continuando
o percorrido cara á vila, chegamos á aldea de Furelos, de orixe
moi antiga, segundo Felipe Arias Ponte Furelos podería ser a
localización da Mansión Brevis da Vía XIX de Braga a Astorga.
Na aldea, de estructura medieval, sobresae a ponte de orixe medieval,
unha das máis fermosas do Camiño, que xa aparece citada no Códice
Calixtino a mediados do século XII, que está formada por catro arcos
desiguais, coa calzada alombada e varanda grosa, e a igrexa, que se
acha á beira do Camiño de Santiago, que a bordea polo sur e o
oeste, refeita no século XIX, conserva restos importantes medievais.
Entrando xa na vila, o viaxeiro descobre pequenas xoias artísticas.
A
capela de San Roque, a portada da cal, con elementos románicos
e decoración gótica, procede da demolida igrexa parroquial de San
Pedro, que tamén se atopaba ao pé do Camiño. Ao seu lado temos un
cruceiro do século XIV, segundo Castelao o máis antigo de Galicia.
No interior da igrexa existen tres relevantes sepulcros do século XV.
En pleno centro da zona vella, na praza do Convento, atopámonos
co Convento del Sancti Spiritus da Orde Terceira de San Francisco,
actualmente igrexa parroquial, fundado no século S.XIV, con cabeceira
gótica de planta rectangular cuberta con bóveda estrelada, pinturas
murais de século XVI no testeiro, tapadas polo retablo barroco
tallado no ano 1 690 por Francisco de Castro Canseco, un dos
mellores escultores galegos do século XVII, que viviu en Melide. O retablo
presenta unha clara disposición franciscana: San Francisco, Santo Domingo
e a Inmaculada Concepción, esta última imaxe, policromada e dourada,
do século XVIII, atribúese ao taller compostelán de Gambino-Ferreiro.
Na igrexa tamén achamos interesantes tumbas do século XV: sepultura
de Alfonso Vázquez de Insua, quen fora señor do pazo de Vilar de
Ferreiros, con lauda con cabaleiro xacente, armadura e espada, seguindo
unha tipoloxía típica do
século XV, lauda de Tareixa Rodríguez, muller de Alfonso Vázquez
de Insua, con decoracións típicas da época, e dous cenotafios "in memoriam"
de Inés de Castro e Leonor de Mendoza. Deste convento-igrexa
tamén podemos salientar a capela do Santo Cristo, do século XIV.
Na mesma praza áchase a capela barroca e o pazo da Obra
Pía de San Antón, que fundou o arcebispo de orixe melidá D. Mateo
Segade Bugueiro, dedicada ao ensino e que tivo actividade durante moitos
anos. A portada da capela foi deseñada por Domingo de Andrade,
o mellor arquitecto galego do seu tempo e os escudos son obra do seu
taller compostelán. No interior da capela hai dous sepulcros do século
XVII, un de D. Mateo Segade Bugueiro e outro de D. Antón Varela
de Segade, os dous con estatua orante. Saíndo da praza e a escasos
metros desta, áchase o Antigo Hospital de Peregrinos, fundado
por Fernán López e Aldara González no ano 1375. O actual edificio, datado
do ano 1502, como se le na inscrición da fachada, que conserva escudos
de armas de quen o mandou construír, o conde de Monterrei, don Sancho
de Ulloa e Castro, foi rehabilitado para convertelo en sede do Museo
Terra de Melide, de visita inexcusable para o viaxeiro.
Seguindo o Camiño, ás aforas da vila, a carón mesmo do Camiño de
Santiago, que a abeira polo lado sur, está a igrexa de Santa
María de Melide, unha das xoias do románico galaico, levantada no
século XII. Conserva o seu altar de pedra románico e pinturas murais
na ábside do século XV. Unha peza románica da igrexa de gran interese
é a súa rexa de ferro medieval do século XIII. O arco triunfal
de Santa María de Melide estaba pechado por unha rexa de ferro da que
se conserva unha parte na igrexa cerrando unha capela, a outra parte
da rexa áchase na igrexa parroquial da vila.
Para
rematar este percorriodo polo Camiño de Santiago, xa nos límites
co Concello de Arzúa, atopámonos coa igrexa de Vitiriz, do século
XIV, de estilo gótico, aínda que persisten nela antigas concepcións
románicas, sobretodo de tipo ornamental. Da igrexa podemos destacar
o seu fermoso rosetón e unha interesante colección de canzorros no aleiro.
Sobre
o castro de Melide, onde tamén houbo un castelo desde o século XIII
ata o século XV, ergueuse a capela do Carme do Castelo, cun interesante
retablo. Nel sobresae unha fermosa imaxe da Virxe do Carme, execelente
obra que se supón do taller Gambino-Ferreiro.
Fóra do Camiño, pero dentro do Concello de Melide, están as igrexas
románicas de San Xoán de Golán, a uns 12 km da capital municipal,
dunha sola nave e ábside rectangular, e a de San Martiño de Moldes,
a uns 4 km.
O
Camiño de Oviedo ou Primitivo tamén pasa por un dos concellos
da Comarca: Sobrado. De visita obriga neste concello, que está
a uns 10 minutos de Melide capital, é o seu mosteiro, das primeiras
fundacións do cister, realizada polos monxes de S. Bernardo no ano 1142.
Desa época queda a sala capitular. O mosteiro sufriu varias reformas,
fundamentalmente entre os séculos XVII e XVIII, coa intervención de
destacados mestres como os arquitectos Juan de Herrera e Pedro
de Monteagudo.
|