|
Melide é a capital comarcal de Terra de Melide, unha das de maior personalidade de Galicia, que organiza desde a Idade Media unha importante área de mercado, vinculada co Camiño de Santiago, sendo actualmente un importante núcleo que experimentou un crecemento tanto nas súas dotacións comerciaias como de servicios, o que a converte no centro aglutinador da Comarca, salientando pola súa prosperidade e dinamismo económico. A súa privilexiada localización xeográfica permítelle establecer cómodas comunicacións coas principais cidades de Galicia, pois áchase en pleno centro xeográfico de Galicia, atravesada polo Camiño de Santiago ao longo de 12 km, localizada no cruce de dous importantes eixos, a N-547 (Lugo-Santiago) e a C-540 (Betanzos-Ourense), que a sitúan nunha posición estratéxica, a uns 50 km da capital de Galicia, Santiago de Compostela (40 km ao Aeroporto Internacional de Lavacolla), e Lugo, a uns 72 km da capital da Provincia, A Coruña, e a uns 85 km de Ourense. Melide, cunha superficie de 101 km/2, é un Concello proporcionado, sen grandes contrastes orográficos, o que constitúe sempre un potencial para o desenvolvemento agropecuario. Ademais esa posición central na xeografía galega favorece o seu papel como nudo de comunicacións. Para as súas propias perspectivas esta condición aporta unha gran accesibilidade a todos os centros de dinamicidade soicioeconómica galegos. Dispón dunha densidade de poboación de 85 habitantes por m/2, que indica baixa presión sobre os recursos da terra e amplitude potencial das explotacións agropecuarias, o cal non exclúe un notable volume demográfico que se acerca aos 9 000 habitantes, distribuídos en 26 parroquias, concentrando o 53% da poboación comarcal. Melide atópase a 454 m de altitude sobre o nivel do mar, na caída dos montes da Serra do Bocelo, que alcanza a súa máxima altura no Coto do Pilar (803 m O punto máis alto de toda a provincia da Coruña), asentándose sobre una extensión chá, na cal se sitúa o núcleo urbano, e terras baixas, pertencente á conca do Ulla, artellándose sobre o río Furelos, cun réxime térmico moderado. |