CERTAMEN



V CERTAME DE CREACIÓN LITERARIA "TERRA DE MELIDE"

O Concello de Melide, a través da súa Sección Estudos e Publicacións, convoca o V Certame de Creación Literaria "Terra de Melide", que leva o nome que identifica esta comarca e o do libro homónimo que saíu do prelo da editorial Compostela NÓS o 7 de xuño de 1933, de aí que a decisión do xurado se presente todos os anos nesta data.
En 1999 créase este certame literario, que ten por obxecto honrar a memoria de todos/as aqueles/as homes/mulleres que traballaron polo desenvolvemento cultural de Melide, nomeadamente os do Grupo Nós e os seus colaboradores melidás, e, ao mesmo tempo, incentivar a creación literaria en galego.

BASES DO V CERTAME DE CREACIÓN LITERARIA "TERRA DE MELIDE". NARRATIVA.

1 .- Poderán concorrer todos/as os/as autores/as cunha única obra narrativa (novela ou relato) de temática libre, en galego (con liberdade de normativa) e unha extensión mínima de ao arredor de setenta páxinas.

2 .- As obras presentadas deberán ser orixinais e inéditas, non premiadas noutros concursos e escritas en lingua galega. Presentaranse por quintuplicado, en tamaño folio DINA4, mecanografadas a duplo espazo por unha soa cara, debidamente grampadas ou encadernadas, baixo plica, sen remite, co título da obra e un lema, nome, enderezo, teléfono e currículo do autor.

3 .- O premio está dotado de 6000 euros. Compete ao xurado outorgar o premio ou deixalo deserto ou ademais salientar unha obra como finalista do Certame.

4 .- O xurado estará constituído por cinco integrantes, alén dun/dunha presidente/a (alcalde/alcaldesa) e un/unha secretario/a que non terán nin voz nin voto.

5 .- O Concello de Melide garante a publicación da(s) obra(s) gañadora(s), reservándose os dereitos da primeira edición. A(s) obra(s) premiada(s) será(n) publicada(s) por Francka Editora.

6 .-A decisión do xurado presentarase nun acto público o día 7 de xuño de 2005.

7 .- As obras deberán enviarse antes do 15 de marzo de 2005, data na que remata o prazo de presentación, á Secretaria Xeral do Concello de Melide, praza do Convento, nº 5, Melide, A Coruña.

8 .-A interpretación das bases correspóndelle unicamente ao xurado. Polo simple feito de participar, o/a autor/a comprométese a acatalas.